Sanidade fará 3.000 test de coronavirus á poboación de Ames

O cribado será a vindeira semana para detectar asintomáticos // Cifran en 48 os casos positivos
Coronavirus
Sol Elvira
Xente camiñando por unha céntrica rúa da localidade de O Milladoiro, no concello coruñés de Ames. Foto: C. G.

O Concello de Ames informou onte que o número de casos positivos de covid-19, ata o 24 de setembro, é de 48 persoas, o que supón un caso menos que os rexistrados ao inicio da semana. Unha cifra, facilitada pola Consellería de Sanidade, que corresponde ao número total de casos existentes, “sen que coñezamos a ubicación dos mesmos dentro do ámbito municipal”.

Nun comunicado, o Concello sae ao paso das confusións xeradas nos últimos días e explica que a extensión das restricións existentes en Santiago á totalidade do núcleo do Milladoiro o día 24 “elevaron a preocupación veciñal e a publicación de determinada información nos medios acentuaron a confusión en relación á situación epidemiolóxica municipal”.

Neste senso, explican que as restricións no Milladoiro non veñen impostas por un elevado número de contaxios, senón pola existencia dun gromo orixinado nun evento familiar cun difícil seguimento, ao tratarse de persoas asintomáticas ou con síntomas leves. O Concello trasladou á Consellería de Sanidade a importancia de que se localicen os casos asintomáticos, polo que o departamento autonómico anunciou que realizará a vindeira semana un cribado masivo de 3.000 mostras entre a poboación para frear a posible transmisión e intentar localizar posibles casos sen sintomatoloxía.

CHAMAMENTO O goberno municipal aclara que o número de positivos covid supón un 0,15 % da poboación total do concello, que supera os 32.000 habitantes. A variación da cifra de positivos en relación a principios de setembro, cando a Consellería aplicou as restricións, incrementouse entre os 20 e 30 casos positivos, explican, para asegurar que “dende o goberno municipal queremos trasladar toda a colaboración na loita contra a covid, con información de carácter oficial e mediante a comunicación directa. A transparencia na información pública, cumprindo en todo momento coa protección de datos persoais, é unha obriga das administracións públicas”.

Asimismo fan unha chamada á tranquilidade e á responsabilidade da cidadanía. “Os amesáns e amesás demostraron estar á altura das circunstancias dende o inicio da pandemia e confiamos que nesta ocasión non vai ser distinto. A mobilidade laboral e social entre O Milladoiro ou Bertamiráns e a capital galega, xunto co inicio do curso, son factores que incrementan notablemente os contactos e, en consecuencia, as medidas de precaución deban incrementarse”. “Os esforzos de meses atrás para evitar os contaxios non poden ficar en nada, polo que insistimos na necesidade de colaboración cidadá e no cumprimento das normas establecidas, porque isto é cousa de todos e todas”, conclúen o comunicado.