Santomil sairá “a gañar” como o candidato do BNG amesán xunto a González e Pampín nas municipais

Eleccións
Marcos Manteiga
David Santomil, candidato do BNG amesán á alcaldía. Foto: BNG

Ames. A asemblea amesá do BNG aprobou por unanimidade que o edil e doutor en Xeografía David Santomil sexa o candidato á alcaldía para as vindeiras eleccións municipais de maio, acompañado nun primeiro tramo polas concelleiras Natividade González e Escarlata Pampín. O Bloque de Ames considera que “o nivel de coñecemento de David Santomil por parte da cidadanía, o seu talante de diálogo e a súa experiencia no goberno local dende o ano 2015, así como a alta execución do programa de goberno nas súas áreas de xestión”, son activos fundamentais para conseguir un apoio maioritario para o BNG nas eleccións municipais do ano 2023.

O partido nacionalista mantén que o actual grupo municipal debe ter continuidade, repetindo así os tres primeiros postos da candidatura, co obxectivo de completar os proxectos que está a desenvolver o Concello e de seguir a garantir a estabilidade política, cun equipo unido.

David Santomil Mosquera agradeceu de novo a confianza dos afiliados e afiliadas, e destacou na súa intervención que “é o momento do BNG”, pois están a darse as circunstancias necesarias para “agrupar a esquerda galeguista e nacionalista de Ames” na súa candidatura, que “sae a gañar”. M. Manteiga