Construíronse beirarrúas no parque empresarial boqueixanés por 117.000 euros // O 80 % foi subvencionado pola Xunta e o resto polo Concello // Este ano o Goberno galego financiou outros cinco proxectos similares en Área TEXTO Alba Prada

Sergude: un polígono industrial renovado e moi ben conectado

Obras
Alba Prada
Pola esquerda, Manuel Fernández Munín, Gonzalo Trenor e Ovidio Rodeiro, durante a visita ao polígono de Sergude. Foto: Xunta

O polígono industrial de Sergude, en Boqueixón, conta con beirarrúas completamente renovadas dende o pasado mes de novembro, data na que se rematou a obra. Onte acudían ata o lugar o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o deputado parlamentario, Ovidio Rodeiro, co obxectivo de presentar o estado actual do parque empresarial trala finalización do proxecto. Un traballo no que a Xunta investiu máis de 94.000 euros, aportando así case o 80 % do orzamento, e o resto, ata os 117.0000 euros, correu a cargo do Concello, que foi o encargado de contratar e de executar a actuación.

En concreto, os labores consistiron na construción de novas beirarrúas nunha superficie de 3.105 metros cadrados en pavimento de formigón con mallazo sobre unha capa de 5 centímetros de zahorra para a súa regularización, xunto cos correspondentes vados peonís. Incluíuse tamén a instalación de tres illas para a recollida selectiva, formadas por catro contedores coas súas correspondentes estruturas de peche. En verbas do delegado territorial, a orde de axudas do 2020 “permitiu financiar 9 proxectos nos parques empresariais de Coirós, Oroso, Boqueixón, Cambre, Carballo, Ordes, Ribeira, Santa Comba e Fene na provincia da Coruña, con achegas da Xunta que ascenden a máis de 852.000 € que mobilizarán investimentos por 1,1 millóns”.

No caso concreto da Área compostelá, o polígono industrial de Oroso recibiu unha subvención da Xunta de 66.214 euros (o total son 82.767) para mellorar o pavimento na rúa Otero Pedrayo do parque empresarial. Pola súa parte, concedéuselle ao Concello de Carballo unha axuda de 69.215 euros (o total son 85.519) para arranxar as hidrantes no polígono industrial de Bértoa. No caso de Ordes, o goberno local obtivo 120.000 € (o total do proxecto son 150.000) para renovar as infraestruturas viarias no polígono de Merelle.

Pola súa banda, O Concello ribeirense fíxose cunha axuda de 93.223 euros (de 116.528 €) para pavimentar o vial e as beirarrúas no polígono de Xaras. Santa Comba tamén obtivo financiamento da Xunta para o seu parque empresarial. Neste caso, recibiu 120.000 euros (o total son 244.461) para o seu saneamento e depuración, así como para a reparación e posta en marcha da EDAR de Braña Rica. Estas actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e complementa outras postas en marcha para apoiar os parques empresariais galegos. En concreto, este ano tamén se destinan 1,8 millóns de euros para a mellora das redes de distribución eléctrica nos polígonos de Vedra, Coirós e Aranga, actuacións que mobilizarán 2,3 millóns e 238.000 euros para a construción dun viveiro industrial en As Somozas, que mobilizará un total de 297.000 € de investimento.

Por certo que trala visita ao polígono de Sergude, achegáronse ata Boqueixón os alcaldes de Touro e O Pino, e xunto ao boqueixanés, pedíronlle ao delegado territorial que “presione” para achegar a fibra óptico a todos os núcleos de poboación destos tres municipios. O obxectivo é que tamén as vivendas máis illadas teñen este acceso hoxe básico, dado que hai moitos trámites que se fan de forma electrónica.