Teatro con Cámara Negra para entender o desamor

Teatro
Marcos Manteiga
Un momento da representación de Clausura do Amor, que chega o venres a Ames. Foto: CN

A MAÍA. Clausura do Amor, a obra de teatro da compañía Cámara Negra Teatro, representarase na casa da cultura de Bertamiráns este venres, 14 de maio, ás 20.30 horas. A peza, cunha duración de dúas horas, é un espectáculo que fala de volver a configurar unha relación ou de constatar o fracaso e o distanciamento. A entrada xeral ten un prezo de 5 euros, a metade con prezo reducido, e pódense mercar na billeteira electrónica municipal. Esta obra de teatro enmárcase dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e o concello de Ames. No que atinxe ao argumento, trata dunha parella, dous animais feridos que se enfrontan cheos de dor. Trátase a resistencia física e emocional, onde os dous intérpretes deben abrirse para encarnar un texto visceral sobre a fin do amor. O espectador asiste ao acto mesmo de clausurar o amor, de matalo en escena; duelo verbal que parte da dor, medo e liberación. m.m.