Vedra anima a fotografar a tradición do viño na Ulla

Fotografía
Alba Prada
Poden presentarse oito obras como máximo, dúas por categoría. Foto: C.V.

Vedra. Con ánimo de contribuír a pór en valor a cultura do viño na Ribeira da Ulla e de impulsar a creatividade a través das imaxes; o Concello de Vedra lembra que está en marcha a primeira edición dun certame fotográfico baseado nesta temática. “Pode participar calquera persoa aínda que os menores de idade terán que aportar entre a documentación unha autorización dos seus pais ou titores. As imaxes terán que ser orixinais, non publicadas anteriormente e non poden ter gañado outro concurso antes deste”, sinala o Concello.

Hai catro modalidades: a primeira está relacionada coa paisaxe, a tradición e a innovación no traballo vitivinícola. No segundo apartado contémplanse os distintos labores para o coidado dos viñedos. A terceira proposta céntrase na vendima, e a última categoría na elaboración do viño na adega. As obras teñen que ser realizadas no territorio da denominación de orixe Rías Baixas, subzona Ribeira do Ulla, e cada participante poderá presentar ata un total de oito obras, dúas por categoría como máximo. O prazo remata o 12 de novembro. Hai que enviar as imaxes a casadospeons@concellodevedra.com. Repártanse 1.200 euros en premios. A.P.