A Consellería de Medio Ambiente repartirá ao longo deste ano tres mil novos composteiros // Os solicitantes recibirán tamén un curso de formación // A Xunta incide na súa aposta por unha xestión dos residuos máis responsable TEXTO A. Prada

Vedra conta con 230 familias que realizan a compostaxe

Sostibilidade
Alba Prada
Pola esquerda Carlos Martínez, Javier Domínguez, Gonzalo Trenor, Ángeles Vázquez e Jesús Furelos durante a visita de onte. Foto: Sangiao

A compostaxe non fai máis ca crecer nos municipios da área compostelá. E é que hai que lembrar que esta práctica (proceso de descomposición da materia orgánica xerada no fogar para obter compost, e empregalo despois para acondicionar os xardíns ou hortas) supón beneficios tanto medioambientais como económicos. Precisamente por iso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartirá ao longo deste ano un total de 3.000 novos composteiros, polo que a rede de compostaxe doméstica posta en marcha por Sogama superará as 18.000 unidades.

Onte a conselleira Ángeles Vázquez; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; a Xefa Territorial de Medio Ambiente, Cristina Carrión; e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, achegáronse ata Vedra, un dos municipios de Área máis concienciados coa compostaxe e coas prácticas sostibles en xeral. Alí a titular de Medio Ambiente avanzou a licitación que a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) vén de realizar para adquirir 3.000 novos composteiros, coa fin de atender as peticións dos distintos colectivos. En concreto visitaron a vivenda dun dos veciños da vila, Jesús Furelos, que conta na súa horta cun composteiro e que é un gran exemplo de compromiso con esta práctica.

A conselleira explicou que o programa da Xunta de Galicia, ademais do reparto dun composteiro cunha capacidade duns 400 litros, tamén implica recibir un curso de formación para ensinarlles aos participantes voluntarios a técnica, e asesoralos en aspectos, como onde localizar o mesmo (nunha zona no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos organismos), o control de parámetros que inflúen na compostaxe (o osíxeno, a temperatura ou a humidade), así como unha relación de refugallos que deben, e que non, depositarse. Lembrou que na actualidade en Galicia hai 15.200 composteiros (só no Concello de Vedra cóntanse 230), xestionados por un total de 364 entidades, entre as que destacan 205 concellos, 135 centros educativos e 24 colectivos sociais. Ángeles Vázquez aproveitou a visita para recalcar que a autocompostaxe “é un exemplo da efectividade da economía circular, pois é unha práctica que evita que a materia orgánica xerada nos fogares acabe depositada na bolsa negra no contedor verde, e dalle unha segunda oportunidade como un novo material”, lembrou.

Asemade, a conselleira defendeu que co traballo que se realiza ao abeiro deste programa achégase un grande apoio e complemento ao traballo que farán as catro plantas de tratamento de biorresiduos de titularidade de Xunta (unha en Cerceda, xa operativa, e as tres restantes en marcha: Vilanova de Arousa, Cervo e Verín), para axudar aos municipios a cumprir coa normativa que fixa Europa e que establece que a finais de 2023 deberá estar implantado o denominado quinto contedor. Por último, concluíu que a recuperación da materia orgánica “fomenta o desenvolvemento sostible para frear o cambio climático e reducir a pegada ecolóxica; polo que unha das preocupacións do Goberno galego para os vindeiros anos será avanzar nunha xestión dos residuos máis eficaz e responsable”.