Vedra entrega os premios do Concurso de Pintura Infantil sobre a Camelia

Premios
Alba Prada
Os tres gañadores da categoría A, de 3 a 6 anos, amosan os seus diplomas na casa do Concello de Vedra. Foto: C. Vedra

VEDRA. O Concello de Vedra vén de realizar a entrega dos premios do 21 Concurso de Pintura Infantil da Camelia. Na categoría A (de tres a seis anos) levou o primeiro premio Lola Puente, o segundo Diego Lareo e o terceiro foi parar a Sara Rosende. No caso da categoría B (de 7 a 9) a gañadora foi Moraima Álvarez, seguida de Antía Valle e Lucía Munín. Os galardóns da C (de 10 a 12) leváronos Carmen Varela (o primeiro), Julia Rodríguez (o segundo) e Xoel Rivadulla (o terceiro). As obras destes nove rapaces e rapazas foron as escollidas de entre un total de 457 presentadas. Todas as creacións poden verse a través das redes municipais. En cada unha das categorías o primeiro premio consistiu nunha tablet, o segundo nun xogo educativo e o terceiro nun lote de libros. No acto de entrega, celebrado na sede do Concello, participaron varios membros da Corporación municipal e un do xurado: Delio Sánchez, quen xunto co concelleiro de Turismo, Manuel Costa foron os encargados de outorgar os galardóns aos nenos e nenas da categoría A. De novo Delio coa concelleira polo BNG Yolanda Vieiro repartiron os premios á cativada de entre sete e nove anos, e o edil do PSOE Carlos García e Delio Sánchez achegaron os premios aos gañadores da categoría C. a. prada