Vedra lembra que agora hai máis rutas e liñas no transporte metropolitano

Transporte metropolitano
Alba Prada
Unha das paradas de autobús do Concello de Vedra. Foto: C. Vedra

VEDRA. O novo mapa do transporte metropolitano púxose en marcha no municipio de Vedra o pasado 23 de decembro. Agora que arrancou a escola tralo parón polas vacacións de Nadal, dende o Concello observan un certo despiste e por iso queren lembrarlle á veciñanza as melloras en número de liñas, rutas e acurte de tempos que implica dito plan. As expedicións nas distintas rutas polo interior da vila pasaron de 14 a 42 (de luns a venres) e de 4 a 18 nas fins de semana. Respecto ao corredor da N-525 (Ponte Ulla, Santa Cruz, Vilanova e San Fins), as frecuencias aumentáronse en dúas máis de subida a Santiago e outras dúas de baixada. Tamén se implementou unha nova lanzadoira Sarandón-Pontevea para mellorar as conexións con Teo e A Estrada. Pode obterse máis información en www.bus.gal ou no 981 814 612. A.P.