Vedra reflexa a vida rural e os costumes de Merín nun vídeo

O programa V 12 De Parroquia en Parroquia publicará agora un audiovisual cada venres // As visitas virtuais rematarán en outubro
Rural
Alba Prada
Igrexa de San Cristovo de Merín, ubicada na parroquia do mesmo nome. Foto: C.V.

Ata o momento o programa de visitas virtuais V 12 De Parroquia en Parroquia, posto en marcha polo Concello de Vedra e organizado pola técnica de Turismo, Charo Canicoba, subía cada mes un grupo de vídeos que abordan un punto en particular do municipio. Dende onte en adiante; cambian a dinámica, e para non facer agardar tanto, publicarán unha peza audiovisual cada venres.

Este mes de marzo a parroquia de Merín é a protagonista, e onte publicouse o primeiro vídeo, centrado “nos costumes, na vida dos nosos avós, en como moceaban, como eran os bailes, os enterros ou a escola”, sinala a técnica. O audiovisual do vindeiro venres, día 12, “contará con entrevistas a dous veciños”, adianta. Unha delas farase ao dono dunha explotación vacuna e outra a un veciño con experiencia no campo. Xa unha terceira peza estará centrada nos costumes e na forma de vida dos anos 20 e 40. “No derradeiro eu mesma me encargarei de falar sobre os traballos no campo”, apunta Canicoba.

Aínda quedan moitas propostas por diante nos vindeiros meses. Así, para abril está previsto unha ruta que leva por nome ‘De pesca e viño: San Miguel de Sarandón’, a de maio ‘De flora e fauna: San Pedro de Sarandón’. En xuño a protagonista será Illobre e en xullo, San Mamede de Ribadulla. Para agosto organizarase un itinerario pola historia e a arquitectura popular de Vilanova, setembro centrarase en San Fins de Sales e en outubro, o percorrido farase por Trobe.

Todas estas rutas poden verse a través da páxina de Facebook @turismoVedra e na web www.concellodevedra.com. A intención é poder facelas presenciais.