Volve a Limpeza Simultánea de Adega a medio cento de municipios galegos o domingo // Van primar a seguridade pola pandemia // Desenvolverase na Barcala, Ames, Valga, Carballo, Lousame, Catoira, A Estrada, Melide, Arzúa, Teo e Rianxo TEXTO M. Manteiga

Visibilizan a conservación dos ríos en doce concellos de Área

Medioambiente
Marcos Manteiga
Compoñentes da Asociación Melidá, que o ano pasado limpou a bacía do río Furelos en Melide. Foto: A Melidá

Volve un ano máis, coma desde 2008, a Limpeza Simultánea que organizan os responsabeis do Proxecto Ríos de Adega para se desenvolver o vindeiro domingo. E este ano, do medio cento de concellos que van beneficiarse da iniciativa, un 24 por cento pertencen a algunhas das bisbarras de Área de Compostela. Os seus voluntarios (integrados ou a cargo de cincuenta e oito asociacións e administracións locais) sairán a liberar de lixo as bacías extremando as medidas de seguridade pola pandemia da covid-19.

Trátase dunha xornada na que os participantes toman os seus ríos “para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais”, elevando dende a coordinación da iniciativa a “miles de quilogramos de refugallos” que xa foron extraídos. Nesta ocasión, e pendentes da previsión do tempo –que pode facer que algún colectivo adíe a súa saída– vanse cubrir cuarenta e nove municipios, doce deles de Área. Trátase dos de Negreira, A Baña, Teo, Ames, Valga, A Estrada, Arzúa, Carballo, Catoira, Lousame, Melide e Rianxo, e entre os colectivos que asumen a iniciativa en cadansúa contorna constan a asociación cultural Afonso Eanes para os dous primeiros municipios; o Concello de Teo; o de de Ames; Muíño Didáctico de Campaña; A Xesteira; Asociación de Pescadores Amigos do Río Iso; Adega Carballo; Ecoloxistas de Catoira; Montescola; Asociación Melidá e o Concello de Rianxo.

O Proxecto Ríos, de calquer xeito, vai máis aló dun acción concreta para eliminar refugallos: trátase dun programa de educación e voluntariado ambiental “que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación”, din na organización de Adega (a promoción e financiamento fainos Augas de Galicia, organismo que pertence á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade). Ademais, no presente 2020 cúmprense quince anos dende que se creou.

Na propia web, proxectorios.org, figura o listado de colectivos participantes e máis o número de contacto para todos aqueles que queiran botar unha man na xornada.

No que atinxe ao balance de anos anteriores, a XII Limpeza Simultánea de Ríos do pasado 2019 chegou ata 52 concellos de toda Galicia. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais e, incluso, fundacións, centros de ensino e concellos, chegando aos 72 colectivos. Asemades, houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como foi o caso de Ourense, Fene ou Santiago de Compostela, entre outros. Ese ano fíxose a limpeza en 55 treitos de río e participaron 1.108 persoas, a maior cifra “dende o inicio da actividade”, apuntan dende a organización, que ten coma tradicional baledo a Paco Bañobre.

E ao falar do cálculo de residuos retirados nese 2019, estiman que foron “máis de catorce toneladas”, aínda que o obxectivo principal deste plan non é “suplir o traballo da administración” con man de obra barata, pero si “axuda a concienciar á sociedade”, rematan en Adega.