Xornada para observar a lúa crecente o 30 en Boqueixón

Astronomía
Claudina Estévez
Imaxe do Pico Sacro. Foto: W.

Boqueixón. O vindeiro día 30 Boqueixón acollerá unha xornada de Observación da Lúa crecente. Unha actividade que o Concello decidiu retrasar (estaba prevista para o pasado día 3) debido ao mal tempo. Trátase dunha cita dirixida especialmente aos amantes da astronomía e desenvolverase na cima do Pico Sacro, dende onde se poderá observar a Lúa crecente, Xúpiter, Saturno e estrelas dobres. A xornada estará guiada polos integrantes do equipo do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

É unha actividade gratuíta organizada polo Departamento de Educación e Cultura do Concello de Boqueixón, en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller e Turismo de Galicia, dentro do programa O Camiño das Estrelas. As estrelas do Camiño, O teu Xacobeo. As persoas interesadas en participar teñen que anotarse no departamento de Cultura, no 981 513 115.

Por certo que as prazas para as visitas espeleolóxicas ao Pico Sacro que organiza a Federación Galega de Espeleoloxía e Canóns en colaboración co goberno local boqueixonés previstas para o 24 deste mes e o 22 de outubro xa están completas. c.e.