A Casa do Mar de Camelle converterase nun centro para o lecer da veciñanza

Rehabilitación
Manuel Lavandeira
Casa do Mar de Camelle. Foto: Concello de Camariñas

Camariñas. O Concello de Camariñas solicitará á Tesourería da Seguridade Social a cesión gratuíta da primeira planta da Casa do Mar de Camelle, co obxectivo de rehabilitala e convertela nun espazo de ocio, respondendo así unha antiga demanda da veciñanza. No seu día foi moi utilizada para realizar cursos de pescadores, actividades ou obras de teatro, e agora atópase en estado ruinoso tras máis dunha década de abandono.

O goberno local xa conta cun proxecto, valorado en preto de 400.000 euros, no que se inclúen os traballos a realizar para o acondicionamento do espazo para o seu novo uso, que comprenden a renovación da cuberta, a estrutura e as fachadas, a reorganización da planta e a reposición dos acabados. “A intención do goberno é ir rehabilitando o inmoble pouco a pouco para poder facer uso del e que a veciñanza teña un espazo en condicións para facer actividades e cursos” sinala a alcaldesa, Sandra Insua. J. M.