A Universidade da Coruña achega ao Fernando Blanco o seu plan formativo

Educación
Manuel Lavandeira
As xornadas terán lugar no salón de actos do IES Fernando Blanco, de Cee

Cee. O IES Fernando Blanco, de Cee, acolle este mércores, día 18, a partir das 09.15 horas, as quintas xornadas da UDC A Universidade que nos agarda, unha iniciativa coa que se pretende orientar e informar ao futuro alumnado universitario do estudos que poderán cursar na Coruña.

O encontro, coorganizado conxuntamente polo IES Fernando Blanco e o Concello de Corcubión, será inaugurado polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a directora do IES, Consuelo Trillo; e o coordinador das xornadas, Jesús Miguel Muñoz.

A profesora da UDC Eva María Espiñeira explicará aos alumnos como é o acceso á universidade. Elisa Lema Gómez, estudante do grao de Educación Primaria, e Cristina Martínez Rojas, estudante do grao de Educación Social, exporán a súa experiencia como universitarias cunha charla que terá como lema Que non cunda o pánico. Despois, o catedrático e director do departamento de Didácticas Específicas, Jesús Miguel Muñoz, disertará sobre A Universidade do século XXI.

As xornadas pecharanse coa intervención da profesora da área MIDE da UDC, María Cristina Pérez, quen explicará aos asistentes as metodoloxías docentes e discentes na Universidade. M. L.