Achegan a realidade dos refuxiados ucraínos ao IES Fernando Blanco de Cee

O fotógrafo Marcos Rodríguez e o xornalista Fran Hermida explicaron ao alumnado a súa viaxe para recoller na fronteira a corenta e sete persoas que fuxiron da guerra
Solidariedade
Manuel Lavandeira
Fran Hermida, de pé, e Marcos Rodríguez, á esquerda, co alumnado do IES Fernando Blanco. Foto: Asfogal

O fotógrafo carballés Marcos Rodríguez e o xornalista corcubionés Fran Hermida participaron nun encontro con alumnos do IES Fernando Blanco, de Cee, para contarlles a súa experiencia con motivo da viaxe que fixeron á fronteira de Ucraína para recoller a 47 persoas que fuxiron da guerra e que, a día de hoxe, están vivindo en diferentes lugares da xeografía galega. Historias “con nomes e apelidos de xente que deixou todo atrás para fuxir dun futuro incerto, pero que tamén deixaron familiares no seu país de orixe”, afirman.

Foi unha charla amena, na que o profesor Serxio Iglesias se encargou das presentacións, e que se complementou coa proxección dun documental fotográfico de 24 minutos, que foi comentado por Marcos Rodríguez e Fran Hermida para explicarlle as imaxes e poñer en situación ao alumnado que participou no acto.