COSTA DA MORTE. Deputación e os dez concellos que acollen os xacementos terán, de partida, un orzamento de 350.000 euros // Inclúense dezaseis monumentos // Queren así retomar un proxecto que foi paralizado pola pandemia TEXTO J. M. Ramos

Acordo para mercar este ano os dolmens do Parque Megalítico

Patrimonio
Jose Manuel Ramos
Participantes na xuntanza celebrada no Fórum Carballo. Foto: Deputación da Coruña

O vicepresidente e deputado de Plans Provinciais e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse en Carballo con representantes dos dez concellos participantes no Parque do Megalitismo da Costa da Morte co obxectivo de impulsar o proxecto despois do parón provocado pola pandemia.

Entre outras decisións, aprobouse o relevo na presidencia, que pasa de Dumbría a Laxe, e a aceleración das xestións municipais para completar a compra de dolmens e menhires este mesmo ano. Serán os propios municipios os que teñan que facer a tramitación de compra ou expropiación dos bens patrimoniais que serán adquiridos desta maneira co financiamento da Deputación por medio de convenios con cada un dos concellos.

Os representantes municipais comprometéronse a poñerse en contacto coas persoas propietarias dos terreos onde se atopan os bens patrimoniais para efectuar a compra ou expropiación. En total, o proxecto conta este ano cun orzamento de 350.000 euros, que se investirán maiormente na adquisición dos elementos megalíticos recollidos no proxecto: en total, 14 dolmens e 2 menhires, algúns dos cales pasaron xa a ser patrimonio público.

Ademais, o comité de dirección avanzou na necesidade de concretar un plan de sinalización de recursos ao tempo que se desenvolve o proceso de compra de terreos, así como na divulgación e na execución de pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal.

O Parque Arqueolóxico do Megalitismo esténdese no territorio da Costa da Morte fundamentalmente e, en concreto, nos dez concellos que se inclúen no convenio de colaboración asinado coa Deputación da Coruña. “Máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra, que son a trabe deste proxecto que busca conservar o patrimonio e contribuír á súa difusión”, sinalan ao respecto dende o citado organismo provincial.

Os recursos clave na catalogación do Parque Arqueolóxico constan esencialmente das tumbas monumentais ou dolmens, que son en total 14 xacementos. Os seleccionados son Pedra Moura de Aldemunde, en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo; A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, e Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas.

Ademais destes bens patrimoniais, tanto a Deputación como os concellos integrados no parque teñen claro que o dolmen de Dombate, coñecido como a catedral do megalitismo, aínda que teña o seu propio plan director, será un recurso clave no mencionado proxecto.

A adquisición dos xacementos será o punto de partida dun proxecto que acumula anos de estancamento e que, nun futuro, se completará coa posta en valor e novas actuacións que configuren definitivamente o Parque do Megalitismo da Costa da Morte, que virá complementar a oferta turística destes concellos atlánticos a partir do seu rico e variado patrimonio histórico.