Adxudicada a mellora do firme da estrada que une Outes con Dumbría

Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
Estrada que une os concellos de Outes e Dumbría. Foto: Deputación da Coruña

Dumbría. A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 250.231 euros as obras de renovación do firme da estrada provincial DP-3404, no Concello dumbriés, un vial que comunica os municipios de Outes e Dumbría. O proxecto contempla actuar sobre o tramo comprendido entre o punto quilométrico 31+240 e o 32+806 e sobre o ramal existente á altura do PK 32+493.

Segundo explicou o deputado provincial de Vías e Obras e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, os traballos a levar a cabo na estrada consistirán na limpeza da vía e da beiravía para, posteriormente, aplicar sobre a plataforma unha capa de asfalto de cinco centímetros de espesor.

Ademais, o proxecto inclúe a realización de barbacanas nos pasos de peóns que carecen delas co obxectivo de rebaixar a altura da beirarrúa e mellorar así a accesibilidade para os peóns. Por último, procederase á posta a cota das tapas de rexistro e sumidoiros existentes e tamén á reposición das marcas da vía, bordes, pasos para peóns e inscricións, así como as unidades de sinalización vertical e defensa necesarias.

Estímase que o prazo de execución dos traballos será de catro meses desde o inicio das obras. M. LAVANDEIRA