Agasallos de Feirauto para familias de Zas con menos posibilidades

A iniciativa forma parte da campaña ‘Un coche, unha ilusión’ do sector do automobil de Baio
Solidariedade
Manuel Lavandeira
Julio Lema, esquerda, Manuel Montes, Óscar Lema, Manuel Muíño, José Gabín e Manuel Martínez no acto de entrega dos agasallos. Foto: Concello de Zas

Zas. Os representantes dos talleres de Baio que forman o grupo Feirauto entregaron este mércores os agallasos da xa tradicional campaña solidaria Un coche, unha ilusión.

Esta é unha iniciativa promovida polos talleres baieses en colaboración co departamento de Servizos Sociais de Zas, que se encarga de recoller as peticións entre as familias do municipio que máis o precisan, así como de entregarlles os agasallos.

Xoguetes, roupa para o fogar e calzado son os artigos que predominan e todos foron adquiridos no comercio local. Ao acto de entrega, celebrado no salón de sesións, asistiron os representantes dos talleres que forman o grupo Feirauto, Manuel Montes, Manuel Martínez e Julio Lema; o presidente da Fecom, José Gabín; o alcalde de Zas, Manuel Muíño; e o tenente de alcalde, Óscar Lema.

Muíño Espasandín agradeceu “este pequeno xesto solidario co que se consegue que os agasallos de Nadal cheguen a todos os fogares do municipio”. M. LAVANDEIRA