Amplia oferta de actividades deportivas e culturais neste curso en Muxía

O programa Móvete foi deseñado pensando en favorecer a conciliación familiar
Actividades
Manuel Lavandeira
A concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, amosando o tríptico do programa Móvete!. Foto: Concello de Muxía

Muxía. O Concello de Muxía deu a coñecer a programación cultural e deportiva Móvete! para esta nova temporada 2022/2023, que dará comezo en outubro e inclúe propostas para todo tipo de públicos e idades, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio, segundo informan o alcalde, Iago Toba, e a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch.

Os trípticos comezarán a repartirse nos colexios da vila a vindeira semana e as persoas interesadas poderán inscribirse no ximnasio municipal ata o 5 de outubro, de luns a venres en horario de atención ao público. As prazas serán limitadas e será requisito indispensable que haxa como mínimo 10 inscricións en cada actividade. No caso de que o número de demandas supere a oferta farase un sorteo público entre os inscritos.

Olalla Benlloch destacou “a gran variedade desta programación, que ten como principal obxectivo favorecer a organización e conciliación das familias”. As actividades culturais abranguen teatro, talleres de estimulación cognitiva, música e baile tradicional, tanto para nenos e nenas como para adultos.

En canto ás escolas deportivas a oferta inclúe fútbol sala, fútbol, iudo, patinaxe, psicomotricidade e balonmán. Ademais, para as persoas adultas haberá ximnasia de mantemento, pilates, GAP, spinning e tonificación.

As actividades de baile serán baile latino e de salón para maiores de 18 anos, e para a rapazada a programación incorpora iniciación á danza e baile moderno. M. LAVANDEIRA