Antón Pombo disertou en Santiago sobre a realidade do Camiño a Fisterra e Muxía

Ruta Xacobea
Manuel Lavandeira
Antón Pombo, á dereita, na conferencia impartida no Museo do Pobo Galego, en Santiago. Foto: Ana Casais

O Museo do Pobo Galego acolleu este xoves a segunda das conferencias enmarcadas no ciclo promovido pola Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía para poñer en valor esta ruta e o seu patrimonio. O historiador e investigador especializado no Camiño de Santiago, Antón Pombo, fixo un repaso pormenorizado da xénese, evolución e a realidade actual desta prolongación xacobea cara Fisterra e Muxía.

O ciclo terá continuidade o vindeiro día 17 cunha nova conferencia a cargo do director do Museo do Pobo Galego, o muxián Manuel Vilar, e pecharase o día 25 cunha ponencia de Francesca Riccio, representante do Ministerio de Cultura de Italia.

Paralelamente, a asociación promotora organiza dous cursos formativos dirixidos ao sector hostaleiro, un de inglés (20 horas), que se impartirá en Negreira os días 9, 16, 23 e 30 de novembro e o 1 de decembro, e outro de calidade para establecementos turísticos, de igual duración, que se desenvolverá en Dumbría os días 10, 15 e 24 de novembro e o 14 e 15 de decembro. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través do correo electrónico emilio@autoxiro.com ou chamando ao teléfono 620 399 515.