Aparatoso accidente dun tractor que caeu a un prado dende a ponte de Santa Irena

Afortunadamente o condutor non resultou ferido // Remolcaba unha cisterna cargada de purín // Precipitouse por un desnivel duns seis metros de altura, á beira do río Grande
Accidente
Manuel Lavandeira
Estado no que quedaron o tractor e a cisterna tras caer por un desnivel duns seis metros de altura. Foto: Cedida

Un tractor que remolcaba unha cisterna cargada de purín precipitouse por un desnivel duns seis metros de altura e caeu nun prado cando ía atravesar a ponte de Santa Irena (Vimianzo), a escasos metros do cruce da estrada que conecta a AC-552 co municipio de Laxe. Afortunadamente, e a pesares da aparatosidade do accidente, o condutor non resultou ferido.

O sinistro rexistrouse á beira do río Grande pouco antes das oito do serán deste martes, e ata o lugar desprazáronse axentes da Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e tamén técnicos de Medio Ambiente para tentar de evitar que o purín que portaba a cisterna puidese contaminar as augas fluviais, das que se abastecen, entre outros, os concellos de Laxe e Camariñas.