Aposta polo tecido asociativo para impulsar o turismo, o deporte e a acción social en Muxía

Asociacionismo
Manuel Lavandeira
Jesús Lema, esquerda, Víctor Haz, Iago Toba, Olalla Benlloch, Juan José Busto e Evaristo Lema. Foto: Concello de Muxía

Muxía. O alcalde de Muxía, Iago Toba, asinou convenios de colaboración con catro colectivos: Asociación do Percebe da Barca, Asociación Turística Muxía Natural, Club de Fútbol de Muxía e Aspadex. O Concello aposta así pola rede asociativa local para impulsar o deporte, o turismo e o eido social e patrimonial.

Aspadex é unha entidade de iniciativa social, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, e a Asociación do Percebe da Barca, vén de lanzar a marca ‘Da Barca’ e está a realizar múltiples iniciativas promocionais e actividades vinculadas á hostalería, o turismo e a formación.

Pola súa banda, o Club de Fútbol de Muxía é unha entidade deportiva referente no municipio, que traballa a diario en prol dos valores da xuventude. O Concello dotará o campo no que xogan de vestiarios femininos, entre outras melloras. A Asociación Turística Muxía Natural promove a riqueza do territorio, a súa natureza e a contorna como destino de turismo da localidade da Barca.

No acto participaron tamén a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch; Víctor Haz, presidente da Asociación Percebe da Barca; Suso Lema, da Asociación Turística Muxía Natural; Juan José Busto, presidente do Club de Fútbol de Muxía; e Evaristo Lema, presidente de Aspadex.

Iago Toba enfatizou “a gran labor que realizan estas catro asociacións para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza” e son “peza chave para o noso progreso e crecemento como vila”. Na mesma liña, a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, puxo en valor que “é un orgullo para Muxía poder contar cunha rede asociativa de tanta calidade e que aporta un valor diferencial na nosa contorna”.