Aprendendo os segredos da cociña cunha moza masterchef na parroquia de Salto

Asociación Neira Marcos
José M. Ramos
Asistentes á última sesión do curso, coa masterchef Marián Hermida, cuarta pola esquerda, na cociña da antiga escola de Reboredo, onde se impartiu o ciclo formativo. Foto: J. M.

Vimianzo. A Asociación Neira Marcos, de Salto (Vimianzo), apagou os fogóns do éxitoso curso de cociña impartido durante o mes de maio, e parte de xuño, no que a veciñanza –maioritariamente mulleres– aprenderon a elaborar diversas receitas culinarias e saborosos postres guiados pola xove masterchef Marián Hermida Lamela, unha veciña da parroquia de tan só 15 anos, que xa leva cinco anos participando nos campamentos do popular programa televisivo MasterChef. A súa afección pola cociña remóntase a cando só tiña tres anos, e iniciouse neste mundo da man da súa avoa. A partir dos dez anos xa asumiu o mando dos fogóns “e sempre que podo cociño eu na miña casa”, afirma.

Do seu saber e dos sabores das súas receitas aprenderon e gozaron unha vintena de veciñas e veciños, e un grupo de nenos e nenas de Salto e outras parroquias limítrofes que, agora, agardan darlle continuidade á iniciativa en canto chegue o outono. A asociación fíxolle entrega a todos os participantes do receitario cos menús elaborados durante o curso.

Por outra banda, a Asociación Neira Marcos ten programada para o vindeiro sábado, día 18 de xuño, unha excursión a Vilanova de Cerveira (Portugal). As inscricións poden facerse ata este domingo, día 12 chamando ao teléfono 636 795144. O custo é de 40 euros para os socios e de 45 € para os que non forman parte do colectivo.

Asemade, na noite do día 23 de xuño organizarán unha xornada lúdico-gastronómica ao redor dunha gran cachela á que prenderán o lume pasadas as 21.30 horas en Castromil. Haberá churrasco, panceta, chourizo e sardiñas acompañadas de pan ou broa, viño, refrescos e unha queimada. As persoas interesadas poden apuntarse ata o 20 de xuño contactando coas directivas do colectivo. O prezo é de 12 euros para os socios e 17 € para os non asociados. Os menores de 10 anos poderán participar de balde da degustación.