Aprobada a construción da rede de abastecemento de auga potable de Suxo

Infraestruturas hidráulicas
Manuel Lavandeira
Momento dunha xuntanza, celebrada meses atrás, do goberno local de Muxía coa veciñanza de Suxo. Foto: C. Muxía

A Corporación de Muxía aprobou, en sesión plenaria extraordinaria, a construción da rede de abastecemento de auga potable en Suxo. Tras aprobarse a proposta do goberno local (PSOE), e ante a ausencia dos concelleiros non adscritos, o alcalde Iago Toba, destacou que “dita sesión plenaria, fundamental para que esta actuación sairá adiante, tiña que ter sido a semana pasada pero a oposición uniuse para retrasar e poñer, unha vez máis, trabas e obstáculos para que esta gran intervención non se levase a cabo. A pesares de todo, desde este grupo de goberno seguimos a demostrar que sabemos gobernar en positivo, con propostas e feitos”.

“Hoxe pechamos o derradeiro paso para facer realidade unha demanda histórica da veciñanza de Suxo. Ao igual que o proxecto da gardaría, vai ser nesta lexislatura e con este goberno de tres persoas”, destacou Toba.