Arrincou en Baio o Festival Escena Muller da Deputación

Igualdade
Manuel Lavandeira
Víctoria Pérez presentou o espectáculo ‘Rosa e Azul’ no CPI de Baio. Foto: Urdime

Baio. O Festival Escena Muller 2022, unha iniciativa da Deputación da Coruña apoiada polos departamentos de Igualdade dos concellos de Vimianzo e de Zas, arrincou este luns no CPI de Baio co espectáculo de narración oral Rosa e Azul, unha sesión de contos teatralizada con guión, dirección e interpretación de Victoria Pérez.

Para a responsable provincial de Igualdade, María Muíño, “o FEM 2022 faise co obxectivo da visibilización da muller creadora, a exposición e reflexión da muller na sociedade, o seu empoderamento nun mundo habitualmente dominado por olladas masculinas e a procura de que sexan as mulleres creadoras galegas as que expliquen as súas experiencias, que sexan as protagonistas”.

Ademais de mostras audiovisuais e outros espectáculos, o Festival Escena Muller contará, nos meses de marzo, abril e maio, con mesas de reflexión nas que participarán escritoras, actrices, creadoras audiovisuais, educadoras sociais e sociólogas, como Diana Sieira, Carmen Conde, Judit Iglesias, Noelia Darriba, Olga Osorio e Estíbaliz Veiga.

Tratarán de dar visibilidade á muller creadora e reflexionar sobre a muller na sociedade e apoiar o seu empoderamento. M. Lavandeira