Décima feira de artesanía para dinamizar a festa do Asalto ao Castelo

Artesanía
Manuel Lavandeira
Posto de instrumentos musicais nunha edición anterior da Feira de Artesanía do Asalto ao Castelo. Foto: A. C.

Vimianzo. A décima edición da feira de artesanía do Asalto ao Castelo de Vimianzo dinamizará a festa o sábado 2 de xullo, e servirá como escaparate de artesáns locais e de toda Galicia de produtos ecolóxicos e manufacturados.

Celebrarase na contorna da Praza do Concello e complementarase coa oferta lúdica de actividades, música e celebración nas rúas da vila, alén da Mostra de Artesanía ao Vivo que se poderá ver a pleno rendemento no interior do emblemático castelo.

O prazo para apuntarse como feirante xa está aberto e remata o xoves 30 de xuño. Cómpre lembrar que na X Feira de Artesanía non se poden vender produtos destinados a seren consumidos durante a propia feira, algo que diferenza esta feira de calquera outra do estilo, na que se potencia polo tanto o consumo na hostalería local.

Outro elemento imprescindible a ter en conta é que se debe ambientar o posto ao estilo do medievo e tamén ir vestidos de época.

Para participar, débense aboar vinte euros por cada tramo de tres metros de posto en concepto de fianza. A metade dos cartos ingresados seranlle devoltos no caso da súa asistencia á feira, mentres que a outra metade servirá como fondo para a colaboración coa citada festa.

Os interesados poden inscribirse cubrindo un formulario que está dipoñible na páxina web da festa (www.asaltoaocastelo.gal) onde tamén se poden consultar as bases completas. M. LAVANDEIRA