Cee abre o ano cunha mostra sobre o traballo de Cáritas na casa da cultura

Comezará así o xaneiro xubilar no que haberá tamén relatorios e un encontro de voluntarios
Ano Xubilar Mariano da Xunqueira
Manuel Lavandeira
Donación de Mercado a Cáritas da Unidade Pastoral de Cee. Foto: UPA Cee

Cee. A casa da cultura de Cee acolle este luns, día 2 ás 12.00 horas, a inauguración da exposición Cáritas 1965 - 2023: 58 años trabajando por la justicia, coa que se dá comezo a un mes adicado á referida organización católica. Ao acto asistirán directivos de Cáritas da Unidade Pastoral e representantes dos concellos de Cee, Corcubión e Dumbria. A mostra está enmarcada na programación do Ano Xubilar Mariano da Virxe da Xunqueira, que rematará o 1 de maio coa coroación canónica.

Os actos previstos para este xaneiro xubilar complementaranse cunha colecta da Unidade Pastoral de Cee dedicada a Cáritas, que se fará o día 6, coincidindo coa Epifanía do Señor, e un ciclo de relatorios. O primeiro terá lugar o xoves, día 12 ás 20.00 horas na casa da cultura, e versará sobre Atención penitenciaria, el trabajo con personas privadas de libertad.

O sábado 14 terá lugar o X Encontro de Voluntariado de Cáritas de Costa da Morte. Os xoves, día 19, ás 20.00 horas na casa da cultura haberá un novo relatorio sobre Inmigrantes e refuxiados: retos dun mundo intercultural.

E o día 16 á mesma hora terá lugar o último dos relatorios baixo o título Fe y caridad: dos caras de la misma moneda. O xaneiro xubilar pecharase co I Encontro do Participante de Cáritas da Unidade Pastoral de Cee.

Por outra banda, Cáritas rematou o día 30 a campaña de Nadal, na que contou coa colaboración de establecementos e empresas e voluntarios que traballaron para que fose un éxito. M. Lavandeira