Cee licita catro proxectos de mellora da rede viaria e a ampliación de saneamentos

Serán financiados con cargo ao POS 2022 // As actuacións desenvolveranse en Lamas, Borreiros, a rúa Agra de Escabanas, Pereiriña, Toba de Abaixo e Raso
Infraestruturas municipais
Manuel Lavandeira
Casa consistorial de Cee. Foto: J. M. R.

O concello de Cee licita catro proxectos de obras de mellora viaria e saneamentos incluídas no Plan Único da Deputación da Coruña, POS + 2022, por un importe total de 174.642,90 €.

Un deles consistirá na reparación de viais en Lamas (Ameixenda), por un importe de 36.814 €, onde aplicarán un pavimento con formigón e canalizaranse as pluviais. Ademais, ampliarán a rede municipal de saneamento para dotar deste servizo ao núcleo de Borreiros (Brens). O investimento neste caso é de 49.652,43 €.

Asemade, acondicionarán a rúa Agra de Escabanas, de Cee, por un importe de 36.725,32 €, realizando tamén, na medida do posible, a ordenación do aparcamento e a circulación peonil. O proxecto inclúe igualmente a renovación da rede de alumeado público mediante a súa canalización.

O cuarto proxecto contempla a mellora de viais en Pereiriña, Toba de Abaixo e o interior de Raso (Brens) por un importe de 51.424,15 €.