Cee saca o deporte á rúa o sábado 16

Actividades de verán
Manuel Lavandeira
Participantes no campues de tecnificación mixto celebrado en Cee. Foto: Manuel Calo

Costa da Morte. O Concello de Cee sacará o deporte a rúa o vindeiro sábado, día 16 de xullo, dende as 11.30 ás 14.00 horas. Haberá propostas para que pequenos e maiores poidan desfrutar conxuntamente dunha xornada lúdica e divertida na que a actividade física e o deporte serán os protagonistas. A iniciativa foi organizada dende o Servizo de Deportes Municipal, que dirixe Manuel Calo, e conta coa colaboración indispensable dos activos clubs deportivos do municipio, e nesta nova edición, tamén coa participación da piscina municipal.

A oferta inclúe atletismo coa A. D. Olimpia; baloncesto, da man do A.C.B. Costa da Morte; fútbol, coa Unión Club Cee; fútbol sala, da man do Fútbol Sala Feminino Villa de Cee; ciclismo, co Club Ciclista Cee; taekwondo, co Club Arte e Movemento; kick boxing e o taekwon-do ITF, co Club Cee Deportes de Contacto; e jiu-jitsu, da man da piscina municipal. Colabora Protección Civil de Cee. M. L.