Chegan os primeiros polbos ás lonxas da Costa da Morte tras dous meses de veda
Este luns comezou unha nova campaña extractiva do polbo, tras algo máis de dous meses de veda, e os primeiros cefalópodos da tempada xa chegaron ás lonxas da Costa da Morte, aínda que moi pouca cantidade como é habitual na primeira xornada. O mal tempo e o feito de que moitas das embarcacións aínda non cambiaron de arte e mantéñense adicadas a outras pesquerías, fixeron que nas poxas houbese poucos cefalópodos.
En Corcubión, un dos portos especializados no polbo, poxaron uns 200 quilos, que se cotizaron entre 9 e 11 €/Kg. Pola súa banda, á rula de Malpica tan só chegaron 80 quilos e á de Fisterra pouco máis de 30. “Hai que esperar aos vindeiros días”, afirmou o patrón maior fisterrán, Manuel Martínez Escarís.
O seu homólogo malpicán, Pedro Pérez, sinalou que “hoxe aínda foron tirar as nasas”. O normal, engadiu, “é que nos primeiros quince días haxa capturas pero iso non é significativo, o que de verdade nos dirá se hai ou non recurso e á partir dos quince seguintes”. No porto malpicán xa cambiaron de arte uns catro barcos e outras tantas chalanas, pero o resto “seguen cos miños ou van á nécora”.
Hai que lembrar que a veda da nécora levantouse o pasado xoves, día 1 de xullo, e é tamén unha das especies máis cotizadas. O patrón maior de Malpica asegura que “non é que haxa moita cantidade, pero é un produto de calidade”. Así, nestes primeiros días na lonxa malpicana a cotización situouse entre os 10 e os 30 euros por quilo, en función do tamaño.
Aínda que o verán non é o mellor tempo para a pesca do polbo, si é unha das tempadas de maior demanda debido ao auxe do turismo. O sector agarda con impaciencia a evolución das capturas nos vindeiros días, e espera que a campaña que agora comeza mellore a pasada, que foi unha das peores dos últimos anos, debido á escaseza.