Cicloruta desde La Turballe a Camariñas no quinto aniversario do irmandamento

Ruta
Manuel Lavandeira
Momento da partida dos ciclistas franceses de La Turballe con rumbo a Camariñas. Foto: C. C.

Camariñas. Un total de 1.582 quilómetros é a distancia que cubrirán os 10 ciclistas que saíron este martes desde La Turballe (Francia) con destino a Camariñas. Trátase dunha cicloruta organizada pola asociación La Turballe Cap Camariñas, o club ciclista Randonnée Cycliste Turballaise e os Concellos de La Turballe e Camariñas para celebrar o quinto aniversario do irmandamento entre os dous municipios.

A expedición foi despedida polo alcalde da localidade, Didier Cadro. Prevén facer o percorrido en 10 etapas para chegar a Santiago, o xoves, 16 de xuño, ás 10.00 horas. Ao día seguinte, o venres 17 de xuño, partirán cara Camariñas acompañados por ciclistas do club Baikers do Vilán para chegar ao redor das 17.00 horas á capital do encaixe.

Poderase facer un seguimento do percorrido en directo a través de www.facebok.com/groups/682229593005501/. Neste espazo irán subindo fotos, vídeos e comentarios, a medida que os ciclistas avancen.

Desde o goberno local de Camariñas animan a calquera persoa interesada a que se sume aos ciclistas do club Baikers do Vilán para acompañar aos irmáns franceses desde Santiago a Camariñas. O Concello facilitará o transporte a Compostela e o avituallamento para o camiño.

A delegación gala, aos que se sumará a presidenta de La Turballe Cap Camariñas, Dominique Floch, pasará a fin de semana no municipio camariñán e será recibida pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e a concelleira Encarna Liñeiro.