Cogami asesorará a Corcubión en sostibilidade e accesibilidade universal

Colaboración
Manuel Lavandeira
Ramón Sestayo, esquerda, e Manuel Insua asinando o convenio de colaboración. Foto: Cogami

O alcalde de Corcubión, Manuel Insua, e mailo conselleiro delegado de Galega de Economía Social (GES), Ramón Sestayo, asinaron un convenio de colaboración a través do que un equipo técnico, conformado por persoas vinculadas a diferentes centros especiais de emprego de iniciativa social que forma parte de Cogami Empresarial, encargarase de asesorar ao municipio en ámbitos como o da sostibilidade e a accesibilidade universal, co fin de mellorar a súa situación e, por conseguinte, a calidade de vida das veciñas e veciños do municipio.

Este servizo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), busca crear e consolidar un equipo técnico que xere un valor engadido ás actividades que realiza de forma habitual Cogami Empresarial, aproveitando o coñecemento interno. Búscase asesorar a entidades locais en catro áreas de acción: xestión de residuos, coidado de espazos verdes, accesibilidade universal e, dende unha perspectiva transversal, comunicación e sensibilización nestes eidos.

Ademais de Corcubión, este asesoramento levarase a cabo noutros dous concellos máis, tendo os tres municipios como característica común non superar os 35.000 habitantes. O modus operandi desenvolverase en tres fases: a primeira, coa realización de entrevistas en profundidade co persoal técnico dos concellos, a segunda coa elaboración dun informe co diagnóstico da situación no termo municipal respecto das áreas de actuación do proxecto, para finalizar cunha proposta de mellora de boas prácticas axustadas ás posibilidades do concello.