Comezaron as obras da senda peonil entre Rociñas e Carrofeito, en Camelle

En Carballo, remataron os traballos de mellora do núcleo tradicional dos Vilares
Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
O alcalde de Carballo, á esquerda, e o edil de Obras, supervisaron os traballos nos Vilares. Foto: C. de Carballo

Camariñas. O Concello deu comezo aos traballos para a pavimentación da vía e a delimitación dunha senda que unirá Rociñas e Carrofeito, na parroquia de Camelle.

Unha actuación que conta cun orzamento de 48.399,84 euros e que está financiada a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

A primeira fase desta obra consiste na limpeza das beiravías, o pavimentado do firme con aglomerado asfáltico e a posterior sinalización da vía, usando resaltos e pintura branca para delimitar, coa maior claridade posible, a senda peonil, mellorando así a seguridade viaria na zona.

Pola súa banda, en Carballo remataron as obras de conservación e mellora do núcleo rural tradicional dos Vilares, na parroquia de Sísamo. A actuación, executada pola empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 227.651 euros, consistiu na pavimentación con formigón de 2.600 metros lineais de vías.

A mellora, financiada cos fondos do POS+Adicional da Deputación da Coruña, permite que Os Vilares se sume a outros núcleos rurais singulares, coma Cances Grande, O Rodo, Vilar de Cidre ou Castillón, nos que se acometeron actuacións integrais de dotación de servizos e pavimentación do rueiro con formigón co obxectivo de revitalizalos e poñelos en valor.

No caso dos Vilares realizouse unha limpeza completa antes de proceder á pavimentación con formigón deses 2,6 quilómetros de vías. As obras tamén permitiron adecuar as rúas ás aliñacións aprobadas no PXOM e completar o servizo de abastecemento de auga.