Comezaron as visitas guiadas de Semana Santa ao castelo de Vimianzo

Semana Santa 2022
Manuel Lavandeira
Visita teatralizada este xoves no castelo de Vimianzo. Foto: Concello de Vimianzo

Este xoves deron comezo as visitas guiadas en Vimianzo compendiadas dentro da programación para Semana Santa, co castelo como epicentro de actividades. Haberá visitas guiadas e teatralizadas o venres, sábado e domingo cos Quinquilláns como protagonistas. Os horarios para as teatralizadas serán ás 12.30 e 17.00 horas, estando reservado solo unha sesión para o domingo, ás 12.30 horas. Os das visitas guiadas, ás 11.00, 14.00 e 18.30 horas e o domingo tan só unha sesión ás 17.00 horas.

Outros dos espazos reservados para acoller actividades durante os días festivos son os Batáns e Muíños do Mosquetín, ás 15.30 horas. No Porto de Cereixo, na barca prodixiosa, o venres, día 15 ás 19.00 horas, e pola vila, o mesmo día ás 19.45 horas. No castro das Barreiras, logo dos últimos traballos no que se descubriu unha porción de muralla, haberá visitas guiadas o sábado ás 20.00 horas e o domingo ás 18.30 horas.

As inscricións poderán facerse en www.vimianzo.gal/turismo e resérvanse 20 prazas para participar en cada visita. Serán de balde e os menores deberán ir acompañados dun adulto.

Ademais, no castelo segue activa a Mostra de Artesanía en Vivo con traballos de liño, encaixe, maquetaxe de barcos, traballos en palla, artesanía de prata e vidro e traballos en coiro e papel.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destaca que este é un programa “pensado por e para todas as persoas que desexen coñecer máis pormenorizadamente a artesanía da Costa da Morte, pero tamén os nosos lugares máis senlleiros. Os Quinquilláns sempre lle dan un toque especial ás visitas, e estamos moi felices de volver a poder contar con eles”, afirma.