Concentración e folga en Xeal para esixir un novo convenio colectivo propio

Segundo a CIG o paro tivo un seguimiento do 80 % do persoal das fábricas e centrais
Conflito laboral
Manuel Lavandeira
Concentración de traballadores de Xeal diante da fábrica de Brens, en Cee. Foto: CIG

Cee. A xornada de folga nas fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas de Xeal rexistrou un seguimento do 80 % do persoal, segundo a CIG. O respaldo ao paro (que afectou a todas as quendas e unidades), engaden, “evidencia a rotunda demanda do conxunto dos traballadores e das traballadoras: que a empresa sente xa a negociar o convenio colectivo propio, cuxo decaemento forzou a propia dirección tras máis de catro décadas aplicándose”.

A empresa “ten que dar unha solución a este conflito e abandonar a súa postura antidialogante e intransixente. Iso é o que lle estamos demandando as traballadoras e os traballadores con esta folga”, explica o presidente do comité, Alfonso Mouzo.

Critica a falta de vontade negociadora da dirección, que o mércores, na mediación para determinar os servizos mínimos, “rexeitou a proposta trasladada polo comité de suspender a folga se había disposición por parte da empresa para fixar unha reunión a próxima semana para iniciar a negociación do convenio. Unha demostración máis de que só lle interesa manter a produción de enerxía”, reitera Mouzo.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que a empresa “non ten escusa para non sentar a negociar o convenio, poñer as fábricas a pleno rendemento e saír desta situación de crise industrial que Xeal impuxo coa parada dos fornos”. Considera ademais que “a Xunta non pode seguir pasiva; ten que poñerse do lado do persoal e da actividade industrial”. M. L.