Condenan e investigan as pintadas no dolmen de Pedra Cuberta

O Concello de Vimianzo encargou xa un estudo técnico sobre a afectación ao xacemento megalítico e para proceder á súa eliminación
Patrimonio
Jose Manuel Ramos
Pintadas con xiz no dolmen de Pedra Cuberta, de Treos - Vimianzo. Foto: Concello de Vimianzo

Vimianzo. O pasado domingo apareceron no dolmen de Pedra Cuberta uns motivos realizados en xiz e que simulan un gato xunto a unha persoa. “Con todo, a maneira de estar realizados con este produto, non é un atenuante do feito en si”, afirman dende o Concello de Vimianzo, que “condena rotundamente estes feitos vandálicos e abrirá unha investigación para resolver o acontecido”.

O goberno local xa encargou a elaboración dun estudo técnico sobre a afectación das pintadas neste ben patrimonial, así como o procedemento a iniciar para a súa eliminación”.

Vimianzo conta cun gran número de xacementos arqueolóxicos e o Concello proxecta unha liña de traballo para a súa preservación e conservación. Durante a Semana Santa organizaron unha serie de rutas, axudándose tanto nos guías cualificados como na tecnoloxía, especialmente nas canles de Wikiloc e as audioguías de vimianzo.mobi, cunha gran aceptación entre os visitantes.

“Facemos un balance moi positivo destas rutas, pero pésanos moito que continúen a aparecer este tipo de atentados contra os nosos bens, que son de todas e todos e que forman parte da nosa historia como pobo”, apunta a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen avanza que “se investigará o acontecido para tratar de dar solución a este problema, que desde aquí condenamos rotundamente. É un insulto para o noso pobo e para toda Galicia”.