Conferencias, desfile de moda e música nas xornadas sobre o liño nas Torres do Allo

Terán lugar este sábado, 23 de xullo, a partir das sete da tarde // Comezarán cunha demostración en vivo sobre os diferentes proceso de transformación da prezada planta
Artesanía
Manuel Lavandeira
Carmen Riveiro, presidenta da Asociación de Amigos do Liño, entidade colaboradora coa xornada das Torres do Allo. Foto: J. M.

As Torres do Allo (Zas) acollen este sábado, día 23, a Xornada sobre o liño. Economía Circular, unha actividade aberta a toda a veciñanza. Comezará ás 19.00 horas cunha demostración en vivo sobre os diferentes procesos de elaboración do liño.

O liño e o seu papel dentro da economía circular será o tema sobre o que xiren as diferentes conferencias, a partir das 19.30 horas, que estarán presentadas pola xornalista Mónica Martínez. A primeira en falar será Rosa Sánchez e farao sobre Liño: artesanía, identidade e economía circular. Continuará Jorge Mira Pérez cun relatorio que leva por título O futuro na volta ás orixes.

Ricardo García Mira, experto en Psicoloxía Social, disertará sobre O liño na Costa da Morte como elemento decohesión social e cultural e rematará Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, co relatorio O liño tradicionalmente contemporáneo.

Unha vez rematadas as conferencias, haberá un desfile de moda con pezas de roupa elaboradas de forma artesanal con liño e, a continuación, Antía Muíño ofrecerá un breve concerto de música. As xornadas rematarán cunha degustación de produtos relacionados coa fía do liño e tamén se realizará un sorteo entre os asistentes.

Esta é unha actividade organizada polo Concello de Zas en colaboración coa Asociación Amigos do Liño á que poden asistir de forma gratuíta todas as persoas que o desexen. Unicamente será necesaria a inscrición previa que se pode realizar a través do 981 718 056 (Centro Sociocultural de Baio) ou no 981 751 398 (Centro Sociocultural de Zas) en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.