Corcubión acolle esta fin de semana O mercado na fin do Camiño

Participarán máis de quince artesás e hai organizadas múltiples actividades culturais
Artesanía
Manuel Lavandeira
Mercado de Mulleres Artesás celebrado en novembro en Carballo. Foto: C. C.

Corcubión. A área de Turismo da Deputación da Coruña, que xestiona o deputado e vicepresidente Xosé Regueira, organiza esta fin de semana O mercado na fin do Camiño na vila de Corcubión, no que participarán máis de quince artesás e completarase cun amplo programa de actividades culturais e de lecer para todos os públicos e idades.

O mercado, que se instalará na Praza Castelao de Corcubión, estará aberto ao público de 12.00 a 20.00 horas ininterrompidamente tanto o sábado 4 como o domingo 5 de decembro. “A idea é promover unha oferta complementaria de actividades, xusto nunha fin de semana na que se inicia unha ponte, e contribuír a desestacionalizar a actividade económica ligada ao Camiño e tamén á actividade turística en xeral na Costa da Morte”, asegura ao respecto Xosé Regueira.

O vicepresidente tamén explica que esta iniciativa pretende “amosar e difundir dun xeito directo o talento das artesás da comarca, dándoo a coñecer de primeira man e tratando de xerar outras oportunidades de negocio diferentes ás habituais”.

Neste sentido, no mercado participarán artesás que traballan en ámbitos moi diversos, desde a xoiería, a bisutería e o coiro, ata a ilustración, a cerámica ou o encaixe.

Tamén durante as dúas xornadas están previstas sesións vermú e as denominadas sesións tardeo amenizadas por DJ’s, un recital poético e varios obradoiros de maquillaxe para crianzas, de arte efémera ou de diversas técnicas de artesanía. M. LAVANDEIRA