Correos lanza unha postal conmemorativa do Ano Xubilar da Virxe da Xunqueira

Promocionará a celebración en distintas cidades de España a través das súas oficinas // O deseño é obra do fotógrafo Víctor Hugo e inclúe un poema de Concha Blanco
Ano Xubilar
Manuel Lavandeira
A alcaldesa de Cee, á esquerda, Concha Blanco, Víctor Hugo, Xosé Chorén e Desiré Kouakou no acto de presentación da postal conmemorativo do Ano Xubilar Mariano da Virxe da Xunqueira. Foto: Mar Castro

Correos vén de lanzar unha postal conmemorativa do Ano Xubilar Mariano da Virxe da Xunqueira de Cee, a cal foi presentada este mércores na igrexa parroquial ceense.

A postal inclúe unha fotografía do ceense Víctor Hugo, na que aparece a Virxe da Xunqueira durante unha procesión pola rúa de Arriba, e tamén un poema da escritora local Concha Blanco.

No acto de presentación participaron a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela; o párroco Desiré Kouakou; o xerente de Servizos e Produtos de Correos, Xosé Choren, e membros da Asociación Amigos da Xunqueira.

Ademais, o Ano Xubilar Mariano da Virxe da Xunqueira será promocionado a través das pantallas das oficinas de Correos en diversas cidades de España, como Santiago de Compostela, Vigo, Valencia, Asturias, León, Ponferrada, Barcelona, Granada, Zaragoza, Madrid e Sevilla.

Unha campaña que se poderá levar a cabo gracias aos convenios de colaboración asinados pola Asociación Amigos da Xunqueira coa Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Cee.