Costa da Morte divulga os seus recursos turísticos a través dun novo mapa

Turismo
Manuel Lavandeira
Participantes no acto de presentación do mapa de recursos da Costa da Morte. Foto: APTCM

MUXÍA. A Asociación Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APTCM) presentou o novo mapa turístico no Parador de Muxía. Á xuntanza asistiron medio centenar de persoas vinculadas ao sector turístico.

No acto interviron membros da xunta directiva, que fixeron balance da súa xestión nestes primeiros meses. Seguen defendendo os seus sinais de identidade: unión e profesionalización. Como primeiro obxectivo imprimiron 15.000 exemplares do mapa cos recursos turísticos e cos socios empresariais que participan. Distribuirase nas feiras máis importantes, como Fitur ou Fairway, e nas oficinas de turismo. Ademais todos os clientes do Parador recibirán o mapa no momento do checkin así como todos establecementos asociados.

A asociación, que preside Pepe Formoso, chegou a un principio de acordo para dispor de asistencia técnica por parte da empresa Atlante, que ofrecerá ao sector xestión e asesoramento. Fan un chamamento á implicación dos empresarios “para que a Costa da Morte se convirta nun referente do turismo de calidade. O Parador está a demostrar a potencialidade que temos como destino cunha ocupación de máis do 90 % en todo o ano”, subliñan. Esto failles pensar que este xeodestino “está capacitado para desestacionalizar o turismo nos 12 meses para que o sector se beneficie das sinerxias creadas. Solo sumando entre todos seremos capaces de despuntar”, afirman.

Actualmente, APTCM agrupa a case 100 socios e esperan chegar aos 300 durante o ano 2023. En febreiro celebrarase unha asamblea xeral para dilucidar o futuro da asociación.