Costa da Morte suma dúas Q de calidade

Turismo
Manuel Lavandeira
Sandra Paz, ésquerda, Jacinto Picallo, Mónica Rodríguez, Alfonso Rueda, Xosé Regueira e Pep Formoso. Foto: CMAT

COSTA DA MORTE. Unha representación de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), encabezada pola súa presidenta Mónica Rodríguez, acompañou aos representantes das empresas O Semáforo de Fisterra e Albergue Et Suseia de Quintáns (Muxía) no acto de entrega do recoñecemento e distintivo Q de Calidade Turística, unha acreditación que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). No acto participaron tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira; e o presidente da Asociación Profesional de Turismo da Costa da Morte (APTCM), Pepe Formoso.

O hotel O Semáforo de Fisterra, é un establecemento delicatessen con encanto que conta con cinco exclusivas habitacións e vistas infinitas nun lugar privilexiado. Pola súa banda, Albergue Et Suseia, ubicado en Quintáns (Muxía), a pouco máis de dous quilómetros de Muxía, é un establecemento destinado ao peregrino, ao que lle ofrece un servizo de calidade. As dúas iniciativas empresariais foron merecedoras no 2021 do distintivo Q de Calidade Turística, un marchamo identificado coa calidade na xestión turística.

“Non quixemos deixar pasar a oportunidade de apoiar coa nosa presencia a estas dúas empresas da Costa da Morte”, destacou Mónica Rodríguez, presidenta da CMAT, quen sinala que a concesión dos distintivos Q de Calidade Turística “reafirma que a Costa da Morte ofrece unha diversidade de servizos turísticos de constratada calidade e profesionalidade para todo aquel que queira coñecer e achegarse ao xeodestino”. “Estamos orgullosos do compromiso de todos os axentes que integran o sector para continuar facendo desta zona un destino de referencia no eido turístico”, engadiu.