Crean un directorio de mulleres profesionais na Costa da Morte

Todas Nós nace para dar visibilidade e pór en valor o traballo e a súa aportación á sociedade
8M
Manuel Lavandeira
Patricia Vaquero, socióloga impulsora de la consultora Nos Igualdade

Carballo. A consultora Nos Igualdade, que dirixe Patricia Vaquero, impulsou o programa Todas Nós para visibilizar e pór en valor o traballo e as aportacións á sociedade das mulleres rurais profesionais da Costa da Morte para que poidan ser referentes de outras mulleres e nenas.

Con tal fin, creou un directorio de emprendedoras e profesionais de calquera sector, do que poderán formar parte mulleres dos concellos de Cabana, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas. O requisito é ter máis de 5 anos de experiencia profesional.

Ademais, crearon un programa Incubadora destinado á mulleres mozas. “Pareceunos importante crear un espazo para facer visibles a todas esas mozas que están recén graduadas, ou con menos de cinco anos de experiencia profesional, para que poidan compartir as súas vivencias, expectativas, formacións e proxectos e así poder xerar máis conciencia e realidade sobre as súas carencias profesionais”, afirma. O obxectivo é “xerar un impacto positivo no rural, no nomeamento e visibilización do aporte profesional das mulleres. Crear redes, comunidade e colaboración”, conclúe. M. L.