Crean un mapa dos recursos turísticos do xeodestino Costa da Morte

É un proxecto de CMAT que será presentado este xoves no Parador de Muxía
Turismo
Manuel Lavandeira
A presentación terá lugar no salón de actos do Parador Costa da Morte, en Muxía. Foto: Paradores

Muxía. A Asociación de Profesionais do Turismo de Costa da Morte (APTCM) presentará este xoves, ás 13.00 horas, o novo mapa de recursos turísticos dos dezasete concellos que integran o xeodestino, que abarca as comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra e os municipios de Carnota e Mazaricos.

O deseño do mapa contou co asesoramento do escritor e experto en turismo Xan Fernández Carrera. Está previsto distribuílo entre os clientes do Parador, ubicado en Muxía, e tamén nas oficinas de turismo da comarca e entre os propios socios de APTCM, ademais dos visitantes que o requiran.

O referido mapa será distribuído tamén nas principais feiras de turismo nas que participe APTCM, como a vindeira edición de Fitur 2023, que se celebra en Madrid.

Ao acto están convidados todos os membros da Asociación de Profesionais do Turismo de Costa da Morte (APTCM). O seu presidente, Pepe Formoso, fai un convite “a todos aqueles empresarios que queiran coñecer o noso proxecto que nos acompañen”. Convídaos tamén a participar acompañados doutros profesionais interesados en sumarse ao colectivo, “pois será un pracer poder contarlle os obxectivos do noso proxecto”, conclúe.

A edición deste mapa é un dos obxectivos marcados pola nova directiva da asociación de empresarios do turismo, que traballa da man da CMAT, na que están integrados os representantes municipais dos dezasete concellos do xeodestino. m. lavandeira