Criaturas caóticas de Mar de Fábula nun mural do CEIP O Areal de Camariñasl

Arte urbano
Manuel Lavandeira
Representantes municipais e da asociación Mar de Fábula, diante do mural do CEIP O Areal. Foto: Concello de Camariñas

O CEIP O Areal, de Camariñas, loce xa un novo mural elaborado pola asociación Mar de Fábula por encargo do Concello. A entidade quixo trasladar ata o centro educativo o mundo de criaturas caóticas que vive no seu centro de actividades en Camelle.

Durante os meses de xullo e agosto, de xeito intermitente, un total de 12 voluntarios e voluntarias de Mar de Fábula, tanto persoas adultas como nenos e nenas, encargáronse do deseño e da pintura do mural no que están representadas as baleas, peixes, arañas, formigas, vermes, tartarugas, serpes... os animais con multitude de cores e patas creados pola asociación que “están a xurdir dos fondos abisais do Atlántico Norte, novas formas de vida que invaden terra firme nos cinco continentes e navegan agora polas rúas de Camariñas”, explican.

O acto inaugural contou coa presencia da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño; a concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro; a directora do centro educativo e unha representación da asociación e dos artistas executores da obra.