Cribado en Muxía a raíz dos positivos no colexio

COVID-19
Jose Manuel Ramos
Carpa na que se están a facer as probas en Muxía. Foto: C. M.

Costa da Morte. Onte comezou en Muxía un cribado masivo logo do acordo acadado entre o Concello e Sanidade, despois dos positivos detectados no CEIP Virxe da Barca, da capital municipal.

Faranse probas tanto ao alumnado como ao profesorado, e tamén ás familias dos escolares que tivesen contacto estreito cun positivo, así como a traballadores municipais por motivos de prevención.

O alcalde, Iago Toba, solicitou este tipo de probas “con carácter inmediato” para poder así “atallar esta problemática en tempo e forma”, afirmou. As autoridades sanitarias urxiron á administración local que lles facilitase unha carpa para que as persoas designadas puidesen acudir en vehículos privados e axilizar así o proceso. Con tal fin, habilitaron unha carpa de Protección Civil, que está situada a carón do centro de saúde.

Dende o goberno local insístese na necesidade de “seguir en todo momento as recomendacións sanitarias: empregar a máscara, manter as distancias e lavar constantemente as mans. Estas accións poden ser os nosos mellores aliados”.

Pola súa banda, o Concello muxián incrementou nos últimos días as tarefas de desinfección nos lugares máis sensibles do municipio, como os centros educativos, ademais dos espazos máis concorridos e as oficinas de atención ao público do edificio consistorial. M. RAMOS