Demandan reforzar a recollida e reciclaxe de aceites de cociña en Cee

Os concelleiros do BNG propoñen recorrer aos servizos dunha empresa que xa opera na zona
Medio Ambiente
Jose Manuel Ramos
Colector de aceite, xunto cos de outros residuos, nunha rúa de Carballo. Foto: Concello de Carballo

Cee. O BNG de Cee segue preocupado pola recollida de residuos, especialmente os que non se poden depositar nos contedores “e que en demasiadas ocasións rematan nos colectores verdes ou en calquera sitio, coa carga contaminante que iso supón”, afirma o portavoz nacionalista, Serxio Domínguez.

Por iso veñen de manter un encontro con representantes da empresa Conecting Oil que se adica á recollida de aceites de cociña usados, e que xa está traballando en concellos como Ponteceso e Camariñas, facendo recollidas porta a porta de xeito gratuíto. “É certo que para o aceite existen contedores distribuidos por todo o concello, iniciativa do BNG no seu día, mais cremos que por un lado son insuficientes e polo outro non se está a facer unha campaña boa de concienciación para que a veciñanza faga un uso bo deles”, sinala.

Ante a inexistencia dun punto limpo, os nacionalistas consideran que é preciso explorar outras opcións, e entenden que a de Conecting Oil é unha delas, e “ademais, ao concello tampouco lle vai supór un gasto adicional, tan só ten que aportar os envases de recollida de aceite doméstico, facer unha campaña de información e difusión e colaborar para a mellora do servizo. Unha inversión moi reducida comparada co positivo impacto medioambiental e social que ten”, conclúen.

Ademais, lembran que a Consellería de Medio Ambiente acaba de abrir unha liña de subvencións con prazo até o 31 deste mes, e na que se axuda aos concellos co 90 por cen do investimentos preciso para os bindóns do aceite. “O BNG presenta e pon a disposición do goberno esta iniciativa xa falada e acordada coa empresa, polo que tan só é preciso pórse en contacto con eles, ademais de solicitar a correspondente subvención”, indican.