Destrozan luminarias do paseo fluvial de Vimianzo que aínda estaban por estrear

Vandalismo
Manuel Lavandeira
Luminarias destrozadas en el paseo fluvial de Vimianzo. Foto: Concello de Vimianzo

O Concello de Vimianzo denuncia actos vandálicos nos elementos do sistema eléctrico, aínda por estrear, do seu paseo fluvial. Axentes da Policía Local atoparon esta mañá as luminarias desprendidas da base, rotas e forzadas.

Os axentes, que xa están na procura de probas para identificar ás persoas causantes, admiten que “trátase dun acto completamente premeditado, que non é unha zona de paso a altas horas da noite e que, presuntamente, as persoas causantes destes danos xa tiñan pensado actuar na zona”, advirten.

Neste sentido, desde a Policía Local apuntan que “ante calquera mínimo indicio de ter algunha proba, sexa ou non concluínte, que a fagan saber a través do teléfono 617 484 852. “Calquera contribución a esclarecer o sucedido será de moita axuda para nós”, advirten.

Desde o goberno local lamentan profundamente o sucedido. Esta mañá, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, referiuse a este acto como “algo profundamente triste para todo Vimianzo”, enfatizando a necesidade de “coidar do noso para que os servizos públicos poidan ser de calidade e universais”.