PATRIMONIO. O Parque do Megalitismo bota a andar cunhas xornadas do 17 ao 19 de xuño // Presentaranse os avances nos estudos arqueolóxicos // Avaliaranse os modelos de intervención e de promoción a nivel de España e Portugal TEXTO J. Ramos

Dolmens chamados a ser o gran motor cultural e turístico da Costa da Morte

Patrimonio
Jose Manuel Ramos
O dolmen de Dombate é un dos dezasete monumentos que integrarán o Parque do Megalitismo. Foto: D. C.

O Consello de Dirección do Parque do Megalitismo de Costa da Morte reuniuse en Laxe para avanzar en distintas liñas de acción co fin de consolidar o proxecto no que participan a Deputación da Coruña e dez concellos da zona. Entre outras liñas de traballo, aprobouse o programa das xornadas que se desenvolverán en xuño e a sinalización que identificará algúns dos bens patrimoniais.

O obxectivo, aseguran, é que o rico patrimonio histórico do territorio se converta nun novo motor de turismo cultural. Este será o tema central das xornadas que terán lugar do 17 ao 19 de xuño e que se desenvolverán na Casa de Eduardo Pondal, no concello de Ponteceso. Incluirán no seu programa a visita aos principais bens patrimoniais.

As xornadas darán comezo o xoves 17 de xuño e, entre outros temas, abordarase a riqueza patrimonial e a época histórica dos dolmens, presentaranse os avances nos estudos arqueolóxicos, e estudaranse distintos modelos de intervención e proxectos de promoción, tanto en España como en Portugal, así como os obxectivos da consolidación do Parque do Megalitismo.

Ademais das conferencias e distintos encontros para compartir coñecemento da materia, boa parte das xornadas dedicaranse a coñecer no propio territorio os monumentos megalíticos de maior interese. Neste sentido, o programa inclúe a realización de visitas aos dolmens A Fornela dos Mouros, en Laxe; Dombate, en Cabana de Bergantiños; Pedra Cuberta e Pedra da Lebre, en Vimianzo; Arca da Piosa, en Zas; Pedra da Arca, en Dumbría-Vimianzo; Parxubeira, en Mazaricos; Pedra Moura de Aldemunde, en Carballo; Cerqueda, en Malpica de Bergantiños; e ao menhir de Erboedo, pedra abaladoira e mosteiro de Soandres, no municipio da Laracha .

O programa completarase con actuacións musicais, unha observación da lúa e o sol desde o faro de Punta Nariga en Barizo (Malpica), unha visita ao xardín da Casa de Pondal ademais de encontros e outras accións en tres espazos de especial interese patrimonial no territorio como son as Torres do Allo (Zas), o castelo de Vimianzo e o Forno do Forte (Buño-Malpica), onde se desenvolverá a posta en común final e o remate das xornadas.

Na xuntanza puxéronse en común tamén os distintos trámites que están a realizar os concellos integrantes co fin de adquirir terreos, conservar os monumentos, poñelos en valor e facilitar os accesos. Neste sentido, desde a sección de Turismo da Deputación da Coruña trasladáronse os pasos dados no proxecto de sinalización e panelización do futuro parque, unha das accións máis demandadas polos concellos. Ao respecto, informouse de que a área que dirixe Xosé Regueira recurriu a unha asistencia técnica para elaborar unha diagnose e un plan de sinalización que ten que incluír un mínimo de un panel explicativo por cada monumento, as súas dimensións e características ademais da titularidade dos espazos onde teñen que ser colocados.

Ademais dos paneis, a proposta debe incluír a cantidade e ubicación de sinais de dirección homologadas que faciliten a chegada aos recursos desde a Autovía da Costa da Morte e tamén desde estradas principais e secundarias. No proceso de traballo, contarase coa participación activa dos concellos co fin de decidir, entre outras cousas, a posibilidade de integrar a sinalización xa existente e conseguir un plan consensuado e coordinado para ser executado conxuntamente.

Os dez concellos asinaron en 2018 o convenio polo que se establecen as bases de cooperación entre a Deputación Provincial da Coruña para regular o proxecto Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte, que está composto por máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias, unha das mostras en mellor estado e máis representativas do Neolítico en Galicia.

Os recursos chave son esencialmente as tumbas monumentais ou dolmens, aínda que tamén se conservan dous megalitos encadrados dentro da tipoloxía menhir. Os 17 monumentos que integran o parque son: Pedra Moura de Aldemunde (Carballo), Casa dos Mouros ou Pedra da Arca (Dumbría-Vimianzo); Fornela dos Mouros (Laxe); Pedra da Arca (Malpica), Mina da Parxubeira (Mazaricos); Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra da Lebre de Serramo, Mina de Recesindes e Arca de Rabós (Vimianzo), Pedra Vixía e Arca da Piosa (Zas), Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate (Cabana) e os menhires de Erboedo (A Laracha) e Fuso da Moura (Ponteceso).

Os grandes monumentos deste xeodestino teñen sido durante milleiros de anos unha referencia cultural, paisaxística, lendaria e territorial. O seu engado xa foi escrito con letras de ouro polo “bardo” Eduardo Pondal, o poeta do Rexurdimento que converteu estes escenarios neolíticos en tumbas de inmortais heroes como Brandomil ou Brandoñas. O dolmen de Dombate, propiedade da Deputación da Coruña, forma parte das súas creacións antolóxicas, de aí o vencello do autor de Queixumes dos Pinos co conxunto de monumentos neolíticos encadrados no futuro Parque do Megalitismo da Costa da Morte.