Irma Macías, vocalista do grupo musical Luar na Lubre

“É moi fermoso ver á xente cantar cancións da nosa terriña”

Música
Lorena Rey
A artista vimiancesa, Irma Macías en primeiro plano durante un concerto de Luar na Lubre. Foto: Andy Pérez.

Como e cando se che presentou a ocasión para ser a vocalista de Luar na Lubre?

Sempre cantaba todo o que podía: en festivais do colexio, en eventos do meu concello, etc. Teño un compañeiro que toca a guitarra e os dous iamos actuar a algunhas localidades. En novembro de 2017 celebrábase a gala dos Premios Nordés e o director de Radio Nordés que por aquel entón era Pepe Formoso, oira falar de min e como nunca me chegara a escoitar en directo animoume a participar na gala. Pedírame que lle mandase un audio dunha canción de Luar na Lubre. Mandeillo e cando me comunicou que ían ir varios membros da agrupación para cantar con eles unhas cancións non mo creía. Unhas semanas máis tarde era a actuación de Luar na Lubre no Teatro Rosalía e convidáronme a cantar con eles. A raíz de ahí fumos collendo confianza e no 2018 pedíronme colaborar con eles nalgunha canción do disco Ribeira Sacra. Así me convertín na actual vocalista.

Como definirías ao grupo hoxe en día?

Somos uns grandes defensores da nosa música e sempre loitamos polo noso. A música que nós facemos é unha música que non ten publicidade. Non sale en todas as emisoras de radio como poden saír outros grandes artistas. No noso caso debémoslle moito ao público que temos. Ademais somos como unha pequena familia e convivimos cunha gran harmonía.

Fálanos sobre o último disco que sacastes.

Acabamos de sacar fai meses o novo disco titulado “Vieiros e Vieiras. Historias de Peregrinos”. Está adicado a todos os peregrinos que ao longo destes anos fixeron o camiño de Santiago, en concreto á parte humana do camiño. As vieiras simbolizan as cunchas que levaban os peregrinos e os vieiros son os camiños en galego.

Algunhas das vosas actuacións son fóra de Galicia. Cal é a resposta do público?

A música que facemos ten moi boa acollida fóra de Galicia e fóra de España. É unha música moi solicitada que se recibe con moito cariño e que lle gusta á xente. Hai xente que te vai seguindo por discografías antigas ou por redes sociais e que ao coñecer as cancións xa nos pide títulos en concreto. Por outra parte, os que non nos coñecen tamén quedan moi satisfeitos.

Algunha anécdota ou vivencia que recordes durante un concerto.

Así mismamente non. En relación ao que falamos, sorpréndeme moito que un tema tradicional como é “Camariñas”, vaias ao estranxeiro e cha pidan a gritos. É moi fermoso ver á xente cantar cancións da nosa terriña.

Tiñades previstos concertos durante estes meses de pandemia?

A pandemia pillounos fatal porque en abril ía saír este disco actual cunha presentación en Santiago. Pero foi mes total de confinamento polo que houbo que cancelar e adiar moitas cousas. O disco finalmente estrenouse en xuño cun concerto na Estrada con todos os protocolos de seguridade. Ía ser un verán que prometía moito con novo disco, nova xira e con meses cheos de actuacións, pero non puido ser. Agora estamos empezando a saír con todos os protocolos da nova normalidade e a ver se imos arrincando.

En que estades a traballar estas semanas?

Estamos con ensaios xa que este venres estamos en Avilés. Ahí vamos con todas as nosas ganas para que sea perfecto dentro do que se pode ofrecer. A verdade é que agora os concertos son un pouquiño tristes ao haber aforos limitados, e ademais coa máscara non ves o rostro da xente e imponche un pouco.

Crees que permanece a esencia do folclore galego?

Houbo xente que sempre loitou pola nosa música tradicional pero creo que agora se está poñendo un pouco máis en valor. Cando eu era pequena casi non había cursos e clases e hoxe en día a escasos metros a redonda tes clases de pandeireta, de tambor, de gaita, de canto tradicional, de baile galego... Case non tes que facer nada para poder recibir unha formación. Que se queira ensinar o noso folclore está moi ben.

Compoñentes do grupo musical Luar na Lubre. De esquerda a dereita: Nuria Naya (violín), Pedro Valero (guitarra acústica), Brais Maceiras (acordeón), Xan Cerqueiro (flautas), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor e djimbek), Bieito Romero (gaitas, acordeón e zanfoña), Irma Macías (voz) e Xavier Ferreiro (percusións latinas e efectos). Foto: Antonio Vizcaya.