Eliminan un foco contaminante de augas residuais que acababan no río de Cee

Medio Ambiente
Manuel Lavandeira
Vista panorámica de Cee. Foto: Fuentes

Cee. A Xunta eliminou un punto de vertedura de augas residuais sen depurar na avenida Fernando Blanco, na capital municipal de Cee. O foco foi localizado nas inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Verteduras, dependente de Augas de Galicia, nas redes fluviais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Os inspectores desprazados á zona localizaron a orixe do foco nunha conexión de augas residuais dun edificio da zona cara ao sistema de pluviais municipal, as cales acababan sendo vertidas ao río Cee.

Nunha nova inspección, os técnicos de Augas de Galicia verificaron que as actuacións levadas a cabo na zona, consistentes na pavimentación e a renovación de servizos no lugar das Escabanas-Ponte da Groba, permitiron o cese do foco e a emenda da vertedura, poñendo así fin á contaminación das augas do río que atravesa a vila ceense. M. l.