Empresas, asociacións e representantes municipiais aportaron propostas para a estratexia do programa Leader en Baio

Desenvolvemento territorial
Manuel Lavandeira
Segundo foro de desenvolvemento rural no centro sociocultural de Baio. Foto: GDR Costa da Morte

O centro sociocultural de Baio (Zas) acolleu o Segundo Foro de Desenvolvemento Rural para a elaboración da estratexia do programa Leader, enmarcado no proceso de participación activa de institucións, entidades e cidadania da Costa da Morte. Nas cinco reunións celebradas ata o momento participaron máis de 110 persoas, que representaron os intereses do tecido social.

O acto estivo presidido polo presidente do GDR Costa da Morte e alcalde de Zas, Manuel Muíño. Participaron un número importante de empresas, asociacións veciñais, do ámbito social, comunidades de montes, de turismo e representantes municipais, entre outros.

O principal obxectivo era elaborar unha diagnose da situación actual do territorio para integrala na elaboración da citada estratexia. O envellecemento da poboación, a dispersión poboacional e a falta na dotación de servizos son as principais problemáticas que se detectaron en todas as reunións que se celebraron. Deste xeito, problemáticas como o acceso ao transporte público, ás deficiencias no acceso ás novas tecnoloxías da comunicación, infraestruturas e servizos básicos, a necesidade de profesionais especializados para o desenvolvemento de tarefas no ámbito agrogandeiro ou forestal lastran a creación de novas empresas e a xeración de emprego. A isto súmaselle a necesidade de dignificar o traballo de campo e favorecer unha maior integración e igualdade nas profesións do sector primario, así como noutros ámbitos sociais ou empresariais.

A última reunión do proceso de participación terá lugar o vindeiro 1 de decembro ás 18.00 horas de maneira virtual. Está previsto que sirva para contrastar e validar toda a información da diagnose realizada para a elaboración da estratexia, sentando tamén as bases para a definición dos obxectivos do vindeiro programa.